Acerca de

A miña foto
etikas@etikas.org, 670 90 17 21
Étikas é un proxecto inspirado polo bo facer, pola ilusión e tesón de todas esas organizacións e persoas que traballan para mellorar o seu entorno, a súa sociedade e as súas vidas dende os frontes da ecoloxía, medio ambiente, feminismo, igualdade, cultura, dereitos, inserción, integración, economía, educación, transformación social, sostibilidade, construcción, consumo, sanidade, laboral, xustiza, tecnoloxía, ... En Étikas queremos, dende o eido económico e organizativo, aportar os coñecementos e a experiencia en materia fiscal, mercantil, laboral e da xestión para axudar a todos esas persoas e profesionais, organizacións e empresas a percorrer o seu camiño impartindo Formación, tanto grupal como individual personalizada, en materia fiscal, económica e xestión empresarial e burocrática. Con este blogue, pretendemos mastigar e simplificar a información económica que en moitas ocasións tan complicada resulta de comprender.

30.4.15

Autoexplotación


Nestes tempos de escaseza e precariedade laboral aos gobernos, central, autonómicos ou locais, non se lles ocorre mellor maneira de “activar” á poboación que fomentar o emprendemento.

E que é o emprendemento? É a acción de acometer un negocio asumindo uns riscos económicos aproveitando unha oportunidade do mercado. Mais en época de crise as oportunidades que brinda o mercado son de alto risco e o que motiva á “emprendedor@” é a falta de oportunidades laborais e non as posibilidades de éxito do proxecto.

Mais gracias a todas as políticas de fomento do emprendemento a “emprendedora” salta ao baleiro sen rede de converterse nada menos que en empresario, alentado pola promesa de ter unha actividade laboral que o faga sentir útil, que a dignifique; cando o realmente indigno é ter un traballo precario.

E velaí temos á “emprendedora” deixando a pel día a día, sen horarios, sen fins de semana, sen vacacións e con beneficios escasos, mais coa tranquilidade da conciencia de ter unha ocupación; vivindo na falacia de crerse empresaria cando en realidade segue a ser traballador. É traballo precario, mais é “para min”, “eu decido”.

E cando se esgotan as tarifas planas, as prestacións capitalizadas e as axudas ao emprendemento, queda a dura disxuntiva de pechar o negocio ou aguantar un pouco máis. E velaí o risco de caer nas mans do auténtico empresario, que como auga de maio espera á empregada perfecta, o que traballa sen horarios e con despido libre: o falso autónomo.

Mais por que falamos de desconfiar dos gobernos e das administracións en canto á cuestión do emprendemento? Por que pensar que poden estar actuando en contra dos nosos intereses?

Quizais porque están constantemente baixo o punto de mira e precisan xustificar con cifras o descenso do paro ou o aumento do número de afiliadas á seguridade social?

Quizais porque cando temos unha prestación de desemprego e ficamos na casa somos unha carga para o estado? Namentres que se “investimos” ese paro nunha actividade económica e “capitalizamos” a prestación de desemprego para pagar con ela as cotas de autónomos, os cartos que nos paga o estado por estar no paro retornan ao estado vía cotización de autónomos.

Quizais porque cando obtemos unha subvención da administración para emprender, outra vez retornará á administración a través das cotizacións de autónomos, que son un dos maiores custos fixos da pequena autónoma? E aínda que existe a mal chamada “tarifa plana”, tan só está vixente uns poucos meses.

Quizais porque tanto a capitalización do paro como as subvencións teñen na letra pequena a obriga de seguir adiante co negocio durante dous ou tres anos? Así que, contra vento e marea, con perdas incluídas, o “emprendedor” continuará a pagar relixiosamente as cotas de autónomos aportando unha actividade económica que pode que incluso nos resulte gravosa. É dicir que traballará “gratis” ou incluso pagando.

Quizais porque hai que dar negocio a todas as empresas de formación amigas, que xa non poden vivir da preparación de oposicións, porque a oferta de traballo público foi conxelada?

Quizais porque así xérase división e desunión? O empresario autónomo, como seu nome indica, é individual, non sindicado.

Quizais porque se temos moito tempo libre e nos sentimos frustradas sen vías de escape, poderiamos parar a pensar e rebelarnos?