Acerca de

A miña foto
etikas@etikas.org, 670 90 17 21
Étikas é un proxecto inspirado polo bo facer, pola ilusión e tesón de todas esas organizacións e persoas que traballan para mellorar o seu entorno, a súa sociedade e as súas vidas dende os frontes da ecoloxía, medio ambiente, feminismo, igualdade, cultura, dereitos, inserción, integración, economía, educación, transformación social, sostibilidade, construcción, consumo, sanidade, laboral, xustiza, tecnoloxía, ... En Étikas queremos, dende o eido económico e organizativo, aportar os coñecementos e a experiencia en materia fiscal, mercantil, laboral e da xestión para axudar a todos esas persoas e profesionais, organizacións e empresas a percorrer o seu camiño impartindo Formación, tanto grupal como individual personalizada, en materia fiscal, económica e xestión empresarial e burocrática. Con este blogue, pretendemos mastigar e simplificar a información económica que en moitas ocasións tan complicada resulta de comprender.

6.1.17

A insoportable burocracia de ser “autónomo” - Capítulo I

Xa para comezar non gosto nadiña do termo “autónomo”. Pola incorrección, posto que en realidade é unha abreviación do nome dun réxime da seguridade social (réxime especial de traballadores autónomos). E pola dificultade de feminizar a parola sen que esvaeza lixeiramente o senso: “eu son autónoma”. Prefiro, e é máis axustado á realidade, a expresión de traballadora por conta propia: “traballo pola miña conta”.

E unha vez definidas, comeza a quebradura de cabeza de pescudar en que sarillo nos estamos a meter.
Para comezar debemos ter claro con quen temos obrigas e por que.
Das múltiples administracións do estado español, temos dúas que nos afectan a todas e que son as que máis medo dan:
-Seguridade Social
-Facenda

A Seguridade Social é a que se encarga de recadar cartos para o pago da sanidade, pensións, prestacións de desemprego, invalidez, ... E faino mediante as nosas cotizacións. Se traballas para unha empresa (es traballadora por conta allea), verás que todos os meses deducen da túa nómina tres porcentaxes sobre o salario por conceptos da seguridade social. Se es traballadora por conta propia e dada de alta na Seguridade Social tes que pagar do teu peto mensualmente como mínimo a nada desprezable contía de 264,44€.

A coñecida como Facenda é en realidade o Ministerio de Economía e Facenda a través do seu órgano da Axencia Tributaria. Encárgase de recadar os nosos diñeiros a través dos Impostos e outros tributos para sufragar os gastos do estado: educación, infraestruturas, salarios dos empregados públicos, defensa, casa real, ... Pero esa é outra historia que contaremos outro día.
Se es traballadora por conta allea atopas na nómina un cuarto concepto que resta do salario que é a retención do IRPF. Se traballas pola túa conta ou ben terás retencións nas túas facturas ou terás que facer pagos cada trimestre como anticipo do IRPF.
Por aclarar, o IRPF é o Imposto da Renda das Persoas Físicas; ese que que se materializa cada ano coa nosa Declaración da renda.
E entre todas, independentemente dos nosos recursos económicos, contribuímos a pagar o IVE simplemente polo feito de consumir, de comprar e vender cousas ou servizos.

Outra cuestión a ter en conta é a interconexión entre estas dúas administracións que é NINGUNHA.
Para darnos de alta na Seguridade Social un dos requisitos formais que nos piden é estar de alta en Facenda. Pero a Facenda non lle incumbe o mais mínimo a nosa situación coa Seguridade Social.

No momento en que comezamos a facer transaccións económicas aínda que sexa por 1€ teremos obrigas con Facenda. Mais non por iso teremos que estar de alta na Seguridade Social.

Lei Xeral de Seguridade Social di que estará obrigado a darse de alta na seguridade social aquela persoa que “realiza de xeito habitual, persoal e directo unha actividade económica a título lucrativo”.
O concepto de habitualidade é clave. Pero a lei non concreta os criterios para definir ese concepto.
Por iso temos as interpretacións que as xuízas fan das leis coas súas sentenzas (xurisprudencia). Así que remontándonos ao ano 1997 temos unha Sentenza da Sala do Social do Tribunal Supremo que establece que para que exista frecuencia ou continuidade na actividade empresarial ou profesional os beneficios teñen que superar o Salario Mínimo Interprofesional. A partires de aí podemos atopar moitas outras sentenzas na mesma liña.

Conclusión: Non temos obriga de darnos de alta na Seguridade Social se non temos unha actividade habitual, continuada ou estable (por exemplo que nos demos de alta e baixa en Facenda de xeito intermitente ou non continuada no ano) e os nosos beneficios non superen o Salario Mínimo Interprofesional (9.080,40€/ano para 2015).

Ollo, que isto non exime de que a algunha funcionaria se lle ocorra decidir que si que estabamos obrigadas a darnos de alta na Seguridade Social, e por conseguinte nos solicite pagar as cotas de autónomos supostamente atrasadas coas súas sancións correspondentes. Iso, polo que veño de explicar, pódese recorrer e gañar. Pero o susto do corpo non nolo quitan.

[Continuará]


Artigo publicado en “Revirada revista feminista” http://reviradafeminista.com/