Xa
para comezar non gosto nadiña do termo “autónomo”. Pola
incorrección, posto que en realidade é unha abreviación do nome
dun réxime da seguridade social (réxime especial de traballadores
autónomos). E pola dificultade de feminizar a parola sen que esvaeza
lixeiramente o senso: “eu son autónoma”. Prefiro, e é máis
axustado á realidade, a expresión de traballadora por conta propia:
“traballo pola miña conta”.
E
unha vez definidas, comeza a quebradura de cabeza de pescudar en que
sarillo nos estamos a meter.
Para
comezar debemos ter claro con quen temos obrigas e por que.
Das
múltiples administracións do estado español, temos dúas que nos
afectan a todas e que son as que máis medo dan:
-Seguridade
Social
-Facenda
A
Seguridade Social é a que se encarga de recadar cartos para o pago
da sanidade, pensións, prestacións de desemprego, invalidez, ... E
faino mediante as nosas cotizacións. Se traballas para unha empresa
(es traballadora por conta allea), verás que todos os meses deducen
da túa nómina tres porcentaxes sobre o salario por conceptos da
seguridade social. Se es traballadora por conta propia e dada de alta
na Seguridade Social tes que pagar do teu peto mensualmente como
mínimo a nada desprezable contía de 264,44€.
A
coñecida como Facenda é en realidade o Ministerio de Economía e
Facenda a través do seu órgano da Axencia Tributaria. Encárgase de
recadar os nosos diñeiros a través dos Impostos e outros tributos
para sufragar os gastos do estado: educación, infraestruturas,
salarios dos empregados públicos, defensa, casa real, ... Pero esa é
outra historia que contaremos outro día.
Se
es traballadora por conta allea atopas na nómina un cuarto concepto
que resta do salario que é a retención do IRPF. Se traballas pola
túa conta ou ben terás retencións nas túas facturas ou terás que
facer pagos cada trimestre como anticipo do IRPF.
Por
aclarar, o IRPF é o Imposto da Renda das Persoas Físicas; ese que
que se materializa cada ano coa nosa Declaración da renda.
E
entre todas, independentemente dos nosos recursos económicos,
contribuímos a pagar o IVE simplemente polo feito de consumir, de
comprar e vender cousas ou servizos.
Outra
cuestión a ter en conta é a interconexión entre estas dúas
administracións que é NINGUNHA.
Para
darnos de alta na Seguridade Social un dos requisitos formais que nos
piden é estar de alta en Facenda. Pero a Facenda non lle incumbe o
mais mínimo a nosa situación coa Seguridade Social.
No
momento en que comezamos a facer transaccións económicas aínda que
sexa por 1€ teremos obrigas con Facenda. Mais non por iso teremos
que estar de alta na Seguridade Social.
Lei
Xeral de Seguridade Social di que estará obrigado a darse de alta na
seguridade social aquela persoa que “realiza de xeito habitual,
persoal e directo unha actividade económica a título lucrativo”.
O
concepto de habitualidade é clave. Pero a lei non concreta os
criterios para definir ese concepto.
Por
iso temos as interpretacións que as xuízas fan das leis coas súas
sentenzas (xurisprudencia). Así que remontándonos ao ano 1997 temos
unha Sentenza da Sala do Social do Tribunal Supremo que establece que
para que exista frecuencia ou continuidade na actividade empresarial
ou profesional os beneficios teñen que superar o Salario Mínimo
Interprofesional. A partires de aí podemos atopar moitas outras
sentenzas na mesma liña.
Conclusión:
Non temos obriga de darnos de alta na Seguridade Social se non temos
unha actividade habitual, continuada ou estable (por exemplo que nos
demos de alta e baixa en Facenda de xeito intermitente ou non
continuada no ano) e os nosos beneficios non superen o Salario Mínimo
Interprofesional (9.080,40€/ano para 2015).
Ollo,
que isto non exime de que a algunha funcionaria se lle ocorra decidir
que si que estabamos obrigadas a darnos de alta na Seguridade Social,
e por conseguinte nos solicite pagar as cotas de autónomos
supostamente atrasadas coas súas sancións correspondentes. Iso,
polo que veño de explicar, pódese recorrer e gañar. Pero o susto
do corpo non nolo quitan.
[Continuará]
Artigo
publicado en “Revirada revista feminista”
http://reviradafeminista.com/