Acerca de

A miña foto
etikas@etikas.org, 670 90 17 21
Étikas é un proxecto inspirado polo bo facer, pola ilusión e tesón de todas esas organizacións e persoas que traballan para mellorar o seu entorno, a súa sociedade e as súas vidas dende os frontes da ecoloxía, medio ambiente, feminismo, igualdade, cultura, dereitos, inserción, integración, economía, educación, transformación social, sostibilidade, construcción, consumo, sanidade, laboral, xustiza, tecnoloxía, ... En Étikas queremos, dende o eido económico, aportar os coñecementos e a experiencia en materia fiscal, mercantil, laboral e da xestión para axudar a todos eses axentes, organizacións e empresas a percorrer o seu camiño, tantas veces trabado pola maraña burocrática e legal. Asesorámoste, formámoste e facemos os teus IMPOSTOS, a túa CONTABILIDADE, as túas NÓMINAS, a túa xestión da RESPONSABILIDADE SOCIAL CORPORATIVA, ... e moitas outras tarefas do día a día. Con este blogue, pretendemos mastigar e simplificar a información económica que en moitas ocasións tan complicada resulta de comprender.

20.11.14

A crise e a falla de incentivos fiscais limitan as achegas dos españois ás ONG


En só 8 anos o valor das achegas dos españois ás ONG (Organizacións non Gobernamentais) caeu un 47%. Mentres que no 2006 as contribucións das cidadás superaban os 800 millóns de euros, na actualidade non chega aos 500 millóns.
Esta baixada no valor das achegas contrasta co mantemento da porcentaxe de españois que se declaran doantes ou socios dalgunha ONG. Segundo o último Estudio da Colaboración dos españois coas ONG e do Perfil do Doante, lanzada pola Asociación Española de Fundraising (AEFr), o 19,6% da poboación mantén o seu apoio económica ás ONGs. “Este dato mostra claramente que a cidadanía española é consciente da importancia do traballo que desenvolven as ONGs e por iso este incremento no número de persoas que se compromete con algunha delas dun xeito sostible a pesares da situación de crise na que nos atopamos”.
Sinala a crise económica e a falla de incentivos fiscais como causantes fundamentais da caída das achegas cidadás. Por isto acha necesario incrementar as desgravacións fiscais que acaden o aumento da filantropía en España. Máis aínda nuns momentos como os actuais nos que as Administracións Públicas rebaixaron as axudas ás diferentes organizacións sociais e humanitarias.
A viabilidade financeira das ONGs, cada vez máis, depende do apoio de cidadás e de organizacións privadas, e cómpre facilitarlles as ferramentas precisas, tanto fiscais como legais, para que esta colaboración poda aumentar e deste xeito asegurar a sostibilidade de programas que son vitais para o conxunto da nosa sociedade”.
_____________
¿Que é o Fundraising? Nova palabra para un concepto moi vello: captación de fondos. É como o crowfunding pero levado a cabo por entidades sen ánimo de lucro normalmente con fins sociais e por calquera medio persoal, telefónico, novas tecnoloxías, ...
 
Fontes: Asociación Española de Fundraising. Socialia

10.11.14

Un tratado depredador


  En Bruxelas negóciase un Tratado de Libre Comercio e Investimento (TTIP “Transatlantic Trade and Investment Partnership”) entre os Estados Unidos e a Unión Europea, por suposto co “asesoramento” dos lobbys. Ate hai pouco, en segredo e ás costas dos cidadáns.
Coa escusa de estimular a economía e crear emprego para combater a tan manida crise, en realidade é unha patente de corso para grandes empresas e corporacións, grande banca e fondos de inversión para obter beneficios sen norma, regra nin control. Son moitos os danos e males que sufriría a cidadanía con ese Tratado:
-restrición da nosa capacidade de decisión, dos cidadáns e dos gobernos
-atentado descarado contra a democracia
-a lexislación do país pasa a un segundo plano, porque se creará un sistema de arbitraxe privada internacional para resolver conflitos entre inversores e estados. Poderiamos vernos na absurda situación de que unha empresa privada demandara ao noso estado simplemente por modificar lei fiscal se esta modificación supón un prexuízo económico para esa empresa. E, claro, a multa costeámola cos nosos impostos.
-restricións dos dereitos dos traballadores en materia de salarios, despidos, representación sindical, dereito á folga
-restricións nos dereitos dos consumidores, permitindo a entrada libre de alimentos xenéticamente modificados, hiperhormonados e clorados
-extensión do fracking, coa masiva contaminación e destrución medio ambiental que iso supón ao inxectar auga a presión, misturada con produtos químicos, para fracturar as rocas subterráneas que conteñen gas ou petróleo e favorecer a súa saída ao exterior. Estes produtos usados son tóxicos e canceríxenos, ademais de deixar o subsolo en condicións irrecuperables e contaminar as augas subterráneas.
-relaxación na regulación do negocio bancario

Todo isto non son especulacións. Xa temos a experiencia do tratado asinado por EEUU, México y Canadá (NAFTA, en inglés) e os seus 20 anos de devastadoras consecuencias para a cidadanía.

Mais constitúese en Europa unha resposta: o Mandato de Comercio Alternativo, unha alianza de máis de cincuenta organizacións de consumidores, defensores de dereitos humanos, do medio ambiente, de comercio xusto, labregos, sindicatos e axencias de desenvolvemento. Unha alternativa ao Tratado onde as persoas e o medio ambiente estean sempre por riba dos beneficios e intereses das grandes corporacións.

Fontes: ATTAC. Centro de Colaboraciones Solidarias (CCS). NOalTTIP